Mañá xoves 31 de xullo proxéctase, ás 22:30 horas na Praza de Mugartegui, dentro do programa Cine na Lúa organizado polo concello de Pontevedra para as festas de verán 2008, a curtametraxe "12007" da produtora galega Contacontos P.C., xunto á película "Ocean´s Thirteen". A curta, recentemente presentada aos medios da capital do Lérez, está dirixida polo pontevedrés Diego Torres e aborda, dentro do xénero da ciencia-ficción, como será o mundo dentro de 10.000 anos.
A curta, rodada en diversas localizacións da provincia de Pontevedra e subvencionada pola Xunta de Galicia, contou cun 70% de capital privado e está protagonizada polos actores galegos Xosé María Tanas e Xosé Manuel Esperante. Para a realización deste proxecto, grabado en 35 milímetros (formato cine), Contacontos Produccións contou cun equipo de máis de 30 persoas entre Equipo de Son, Equipo de Arte, Maquillaxe e Perruquería, Equipo de Producción e Deseñadores gráficos.
Contacontos P.C. realizou, durante o pasado ano, outros traballos audiovisuais como a curta “Xan, a despedida”, protagonizada polo galego Marcos Correa ou a producción “Feira Franca, Maxia na Rúa” distribuída con motivo da celebración en Pontevedra da edición 2007 da súa Feira Franca.




Sem comentários:
Enviar um comentário